martes, 20 de noviembre de 2012

DÚAS VICTORIAS E DÚAS DERROTAS NESTA XORNADA


C.V.RIANXO 3 - 2 IES AMES - LIGA ZONAL XUVENIL FEMENINA
(25-21/25-8/23-25/17-25/15-11)

 Axustada victoria das xuvenís este sábado en Rianxo fronte o Ames. Cun 2-0 inicial e 7 puntos de vantaxe no terceiro set, un lapsus entrou no equipo das rianxeiras, que tiveron que pelexar pola en principio doada victoria ata o tie-break. Comezaba o encontro cun Rianxo dominando, como xa ven sendo normal, dende a liña de nove metros. Cunha boa organización do xogo por parte das colocadoras Yaiza e Ana, as rapazas dirixidas por Héctor Matilla levaronse o primeiro set con comodidade, ainda a pesares de ceder 5 puntos cando só lle quedaba un para o 25.
  Un saque tras outro, as rianxeiras fixeronse co control do segundo set dende os primeiros puntos, anunlando tódalas opcións de ataque do equipo rival. Cun 25-8 final, o encontro semellaba estar xa no peto das locais.
  E coma nos anteriores sets, o xogo rianxeiro impuxose ó Ames moi axiña. Ata o 19-15, momento no que o Ames comezou a tirar tamén de saque, o que non se vira no resto do partido. Logo duns 6 aces do Ames, as nosas rapazas non foron quen de contrarrestarlle o xogo, cedendo un set que parecía cantado.
 No cuarto o Rianxo seguiu as directrices do final do xogo anterior, que xunta cunha inspirada defensa visitante tiraron por terra calquer indicio de xogo rianxeiro. Non foi ata o derradeiro set que se ergueron as nosas, retomando o control dende os nove metros e levándose un importante 3-2 final. 
 Polas xuvenís xogaron: Ana, Yaiza, Diana, Cristina, Alicia, Naomi, Laura e Irene.
 Logo desta axustada victoria as xuvenís sitúanse segundas na táboa, empatadas a puntos co Padrón, primeiro clasificado, pero cun set máis en contra.
 A próxima xornada o equipo xuvenil enfrontarase ó Padrón a domicilio o sábado ás 17h. Moita sorte!


C.V.RIANXO 0 - 3 IES AMES - LIGA ZONAL CADETE FEMENINA
(13-25/16-25/21-25)

 Logo do partido xuvenil chegoulles o momento ás cadetes, que non puideron repetir o resultado das anteriores. Tamén contra o Ames, que dispoñía de 4 xogadoras que xogaran contra as xuvenís, as rianxeiras tiveron un encontro no que foron de menos a máis, pero que non estiveron á altura das rivais.
 Ó contrario que no encontro anterior, o Ames foi quen dominou no saque de principio a fin. Un saque que as nosas a duras penas conseguían levantar, o que reduceu con creces as posibilidades de puntuar debido á boa defensa do Ames. Malia todo, as nosas cadetes, apoiadas por dúas xogadoras do equipo infantil debido ás baixas, deron a cara fronte un rival claramente superior. Ben situadas en defensa, non deron ningún punto por perdido, nin sequera en bloqueo, moi complicado nesta categoría.
 Polas cadetes xogaron: Marta, Sara, Diana, Laura, Lía, Noemi e Andrea.
 Logo desta derrota as nosas cadetes sitúanse no 3º posto da clasificación, por detrás do Ames e de Padrón. A próxima xornada tocaralles descansar.


BURGAS VOLEI 3 - 1 C.V.RIANXO - LIGA GALEGA INFANTIL MASCULINA
(25-13/23-25/25-16/25-14)

 Longa e madrugadora viaxe para os infantís, que se desprazaban a Ourense o sábado pola mañá para enfrontarse ó Burgas Volei.  Encontro complicado para os nosos pequenos, ós que lles está pesando o ser debutantes nesta competición. O infantís pouco puideron facer contra o Burgas, superior en tódalas facetas xogo. Con todo, foron capaces de roubarlle un set grazas á traballada defensa e a unha boa racha dende a liña de saque. Entreno tras entreno, os infantís, equipo no que a maioría ven de xogar en alevíns, vai dando co seu xogo. Nótaselle unha boa melloría, que segue sen ser suficiente para acadar os resultados nesta complicada liga.
 Logo desta derrota, os infantís sitúanse no 5º posto da táboa. A próxima xornada enfrontaranse ó líder da clasficación, o Emeve. Moita sorte!


BURGAS VOLEI 0 - 3 C.V.RIANXO - 2ªDIVISIÓN A MASCULINA
(23-25/21-25/29-31)

 Traballada e merecida victoria dos senior fronte o Burgas, un dos ósos a roer a domicilio desta segunda división. Logo de ter que adiantar o xantar para saíres a Ourense, os senior chegaron ó pavillón Paco Paz sabedores da dificultade do encontro.
 Logo dun inicio axustado coma noutros partidos, os nosos senior sufriron o baixón típico que veñen padecendo nos últimos encontros, cedendolle 6 puntos ó Burgas cun 19-13. Por sorte foron que de retomar a concentración, e pouco a pouco, puxeronse á par cun 22-22. Logo duns atinados saques e unhas boas defensas, o ataque foi máis doado para os rianxeiros, que se impuxeron pola mínima, 23-25.
 Comezaba o segundo set coma o primeiro, igualdade ata mediado o set. Desta volta foi o Rianxo que colleu a vantaxe, unha vantaxe de 4 puntos que non deixou escapar. Un traballado bloqueo por parte dos centrais propiciou unhas defensas máis doadas, que foron ben rentabilizadas polo ataque das alas para establecer o 21-25.
 Apretaron os locais no terceiro set, e xunto ca volta do baixón rianxeiro, o Burgas obtivo unha vantaxe de 9 puntos cun 13-4 a favor. Contra todo pronóstico, os nosos senior non baixaron os brazos e comezaron a xogar dende a defensa en primeira liña, moi boa durante todo o encontro. Isto, xuntado cun forte ataque, propiciou a remontada máis dura que tiveron nesta liga. Cun 23-23 no luminoso, comezou un tira e afloxa por parte dos dous equipos, do cal resultou vencedor o Rianxo logo dun agónico 29-31.
 Polo Rianxo xogaron: Miguel, Héctor, Brais, Jose Manuel, Román, Carlos, Suso e Eric.
 Logo desta sufrida victoria, os senior acadan o 3º posto da táboa, a só dous puntos do San Sadurniño, que caeu 1-3 fronte o Noia no partido estrela da xornada.
 A próxima xornada os senior recibirán en Rianxo ó Emeve o sábado pola mañá. Sorte!

No hay comentarios: