miércoles, 31 de octubre de 2012

CHEGAN AS PRIMEIRAS VICTORIAS

C.V.RIANXO 0-3 MANUELA RIAL MOUZO - LIGA GALEGA INFANTIL MASCULINA
( 15-25, 24-26, 13-25)

  Derrota dos infantís ante o primeiro clasificado da categoría, o Manuela Rial. Mal partido dos rianxeiros en tarefas defensivas, onde moitos erros e desacordos condicionaron o primeiro set, dandolle unha ventaxa ó rival que ben soubo aproveitar.
  No segundo set cambiaronse as tornas ata o final: Os nosos rapaces dominaron de principio a final de set, chegando a ter un 23-18 a favor grazas ó bo ataque e ós escasos erros no saque, moi comúns nesta categoría. Non quixo a sorte que aproveitaran dita ventaxa, e logo dunha boa racha do saque rival baixaron os brazos e deixaron escapar o set pola mínima. 
  A inspiración do segundo set foise tan rápido como chegou, e o terceiro set foi unha boa mostra de todo o que queda por aprender e adestrar ainda. O Manuela Rial aproveitou o seu potente saque e tirou dos rapaces máis altos para o ataque, sendo imparables para os nosos en defensa.
  Por parte do Rianxo xogaron: Samuel, Pedro, Álex, Aarón, Mauro, Sergio, Juan, Xabier e Juan Manuel.
  Logo deste partido os nosos infantís situanse terceiros na táboa, cun partido de máis respecto do cuarto e quinto clasificado. Este fin de semana tocalles descansar, polo que esperamos que deixen as enerxías do sábado nos adestramentos!


NARÓN VOLEA 1-3 C.V.RIANXO - LIGA ZONAL CADETE FEMENINA
(25-19, 16-25, 19-25, 22-25 )

  Seis xustas se desprazaron a Narón este sábado para desputar o primeiro partido da liga cadete, tres cadetes e tres infantís, que foron suficientes para levarse o triunfo. Pese a ter que precisar das infantís debido ás numerosas baixas das cadetes, as nosas rapazas foron capaces de levarse o partido superados os nervios do primeiro set, que sempre pasan factura, sobre todo ás máis pequenas.
  Sen opción deixaron ó Narón, quen veu como o potente saque das rianxeiras as deixaba sen ataque. Iso sumado á orde á hora de montar as xogadas fixo que o partido fora levadeiro e sen moitas complicacións para as nosas rapazas.
  Logo desta primeira victoria, as cadetes situanse cuartas, ó seren as únicas que non conseguiron o 3-0 na primeira xornada desta liga. O próximo encontro levaráas a Barraña, onde se enfrontarán o sábado ás 12:00 da mañá contra o Atlético Boiro. Sorte!


NARÓN VOLEA 0-3 C.V.RIANXO - 2ª DIVISIÓN A MASCULINA
(11-25, 21-25, 21-25)

  Victoria en tres sets do equipo senior no seu desprazamento a Narón. Doada victoria fronte o actual colista da liga, quen a pesares de contar con dous xogadores experimentados, non foi quen de parar o forte ataque rianxeiro.
  Comezaba o Rianxo cunha seguridade que ainda non viran nos anteriores encontros, collendo deseguido unha ampla vantaxe grazas ó acertado ataque e á sempre ben colocada defensa, tanto en primeira como en segunda liña. 
  No segundo set veu o baixón, se cadra pola confianza que dou o primeiro, o que os obrigou a ter que remontar un 12-18 en contra grazas ó saque do rival, que sempre lle encontraba ós ocos á recepción rianxeira. Coma no primeiro set outra vez foi o ataque o que sacou as castañas do lume, tanto polas alas como as poucas que chegaban para atacar polo medio.
  Xa no terceiro set retomouse a seguridade do primeiro, situandose os nosos por diante no marcador dende os primeiros puntos do xogo. Coma no resto do encontro o ataque foi a peza clave deste set, xa con máis xogo polo centro grazas a unha pequena mellora na recepción, pero que ainda está lonxe de chegar a un bo nivel. Mantida esta vantaxe, os rianxeiros finalizaron o partido en pouco máis dunha hora.
  Esta victoria situa ós senior na cuarta posición da táboa, empatados a puntos co Teis, terceiro. A seguinte será xornada de descanso, que será ben aproveitada para seguir mellorando eses aspectos que ainda non convencen no xogo.


  Hai que mencionar tamén a estrea das xuvenís esta xornada, que se desprazarán a Riveira o domingo pola mañá para enfrontarse ó Voleibol Riveira. Sorte para elas!  

No hay comentarios: